I FOLIADA DE SAN BLAS

Comezamos o mes de febreiro botando unas pezas cos amigos de Folliñas de Oleiros, xa que o día 2 organizaron a I Foliada de San Blas, na Praza da Rabadeira.

Que sexa a primeira de moitas, e que as compartamos!

PINCHO DE NADAL


O sábado, día 23 de decembro, organizamos o tradicional pincho de Nadal coa nosa xente, na escola de  Carnoedo, alí foi a estrea da panxoliña deste ano.
Feliz ano a todos!

CONCERTO DE NADAL DE VIOLÍN TRADICIONAL


O venres, 22 de decembro, na Capela de San Roque de Sada celebramos o noso concerto do Nadal de violín.
Este ano contamos coa colaboración de Xose Álvarez, coa arpa celta.
Feliz ano novo!

LOTERÍA DE NADAL


Xa temos a lotería de Nadal de Queiroa!
Vai mercando unha participación antes de que se rematen!
Este ano... Levamos o gordo!

VI RUADA NO SULEIRO DA VICHA


O sábado 25 de novembro participamos nunha foliada ben fermosa, das que xa non quedan.
Estivo marabillosamente organizada pola Asociación de Amas de Casa do concello coruñés de Mazaricos.

MAGOSTO NO CEIP O MOSTEIRÓN


O venres 10 de novembro, estivemos moi ben acompañados pola rapazada do CEIP O Mosteirón de Sada, celebrando o seu Magosto Olímpico. Moitas grazas por contar connosco!

XIV FOLIADA DE SADA

O sábado 4 de novembro, na lonxa do noso pobo, celebramos a décimo cuarta Foliada de Sada. Para nós, foi unha xornada de moito traballo pero con moita alegría, música e diversión.
Queremos agradecer a todos os grupos que se achegaron a participar a pesar das circunstancias meteorolóxicas, aos establecementos que fixeron posible que realizaramos o sorteo, aos participantes do concurso de baile por parellas, ao xurado, ao Concello de Sada e a todas e todos os que contribuíron a botar unha man, traendo unhas larpeiras ou facendo un caldiño. Con estes apoios, a foliada tiña que saír xenial.
E grazas a todos e todas que nos acompañastes na nosa festa máis tradicional!


MUIÑADA DE VIMIANZO


O sábado 21 de outubro as nosas pandeireteiras do grupo Arnela estiveron na Muiñada de Vimianzo botando unhas pezas e pasando unha boa tarde-noite.

Moitas grazas polo convite!

ACTIVIDADES DO NOVO CURSO 2023 - 2024

Xa podes apuntarte as nosas clases de pandeireta, baile galego, gaita, acordeón, percusión, violín, solfexo aplicado a gaita e iniciación ao baile e pandeireta para os mais pequenos da casa. O mes de outubro é de balde para novas incorporacións, despois, pola única cota mensual, podes ir a todas as actividades.
Agardámoste, contacta con nós para comezar.

ALBORADA DAS FESTAS DE SADA


O venres 18 de agosto, saímos polas rúas de Sada para celebrar a nosa festa participando na alborada co noso grupo de gaitas.
Estamos moi agradecidos ao Concello de Sada, pola súa invitación, un ano máis.

FOLIADA DO TORREIRO DE PITA


O xoves 17 de agosto, nas Festas de Santa Cruz (Oleiros), estivemos co noso grupo de pandeireteiras Arnela, tocando na Foliada do Torreiro de Pita.


Unha gran foliada na praza de Esther Pita!

FESTIVAL INTERCÉLTICO DE LORIENT

O primeiro fin de semana de agosto, estivemos no Festival Intercéltico de Lorient coa nosa Banda de Gaitas, amosando a nosa música por terras da Bretaña francesa, xunto a outras agrupacións que forman as nacións celtas.

O noso agradecemento ao Festival Intercéltico de Lorient Delegación de Galicia, pola súa confianza, e a os nosos amigos, o Centro Cultural A Ponte Vella e a Asociación Sementeira Cambre que nos acompañaron no festival. Tamén, a todas as organizacións e particulares que nos apoiaron para estar no festival mais importante da música celta, folk y tradicional do mundo.
Para nós foi unha honra poder estar aí representando a Galicia, e sen dúbida, unha experiencia única e inesquecible.

XVI ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS EN SADA


O sábado 5 de agosto, á tardiña, estivemos animando a zona do porto no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais en Sada.
Un verdadeiro pracer que os organizadores (Culturmar e ACM Os Patexeiros) nos invitaran a este encontro mariñeiro.

FESTIVAL QUEIROA NA RÚA

O sábado 15 de xullo, dentro da programación das Festas do Carme de Sada, organizamos o noso festival Queiroa na Rúa.
Pola mañá, comezamos co pasarrúas, con intervencións da nosa Escoliña e o grupo de pandeireteiras.
Xa á tardiña, deu comezo na zona do porto, o noso festival, coa Agrupación Folclórica Ximiela Louro de grupo invitado, e ao remate, un gran concerto de Fiandola.
Un día marabilloso para nós, polo que só nos queda agradecer a Ximiela, que nos fixo desfrutar da súa música e os seus bailes. Tamén moi agradecidos ao Concello de Sada, pola axuda que nos prestou neste espectáculo; ao noso público, que nos deu un gran apoio; e como non, a toda a nosa familia de Queiroa.
Por moitos anos máis de música e baile!
Esta actuación forma parte do programa Alicerce, da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

FESTIVAL FOLCLÓRICO INTERNACIONAL


Este domingo, día 9 de xullo, desprazámonos a Muros para compartir escenario cos nosos anfitrións, Ximiela Louro, e tamén co outro grupo convidado, a Agrupación Folclórica Princesa Dácil.

Esta actuación forma parte do programa Alicerce de Rede Cultural de cultura da Deputación da Coruña
Moitas grazas polo convite, Ximiela!

II CAMPAMENTO DE VERÁN


Pois alá foi o noso segundo campamento de verán!
Xogos, música, bailes,… e tamén praia, pintura, barro, festa da auga,…
Unha semana de desfrute para as rapazas e os rapaces!
Volveremos con máis diversión no 2024!

SARDIÑADA DE SAN XOÁN


O venres 23 de xuño, amenizamos o comezo da tradicional sardiñada de Sada.
Moitas grazas ao Concello de Sada por contar con nós nesta festa senlleira do noso pobo.

VIII FESTIVAL DA ESCOLIÑA

O domingo 11 de xuño, a nosa Escola, xunto con A Ponte Vella, protagonizaron unha nova xornada na que encheron o auditorio Pintor Lloréns de arte e tradición.
Temos moito que agradecer!
En primeiro lugar, a toda esta Escola de nenas e nenos, que traballan arreo nas aulas para poder facer este espectáculo.
Xunto con elas e eles, as familias, sempre dispostas a axudar e apoiar todas as iniciativas propostas, facendo de Queiroa sexa unha grande familia.
A asociación A Ponte Vella, por compartir con nós o seu bo facer e acompañarnos nun día tan importante.
A Deputación da Coruña e Concello de Sada por poñer os medios necesarios para que todo estivera no seu lugar.
A toda a nosa xente colaboradora, que non dubidou nin un segundo en estar alí dende primeira hora, axudando a facer do escenario un recuncho acolledor onde poder levar a cabo o acto; e axudando aínda despois a vestir, artellar, inmortalizar o momento con cámara en man… en definitiva, toda esa xente que formou parte de que todo estivese no seu lugar.
A Moncho e Aroa, avó e neta, que fixeron que as transicións fosen máis divertidas, entre tallada e tallada ao chourizo.
E como non, a todas e todos vós, ao noso público, que fixo que toda esta xente se sentira arroupada desde o primeiro momento no escenario, desfrutando tanto coma nós. Grazas!
Emprazámosvos ao ano que vén, novamente coa nosa Escoliña!

FOLIADA DE A.C. O SON DO CASTRO

O sábado 10 de xuño, estivemos no campo de O Briño, tocando e bailando na foliada de A.C. O Son do Castro.

Unha festa que repetimos ano tras ano. Que ben o pasamos en Borneiro!

FESTIVAL DA ESCOLA DA PONTE VELLA


O domingo 4 de xuño, viaxamos ao concello de Teo para participar de convidados no festival que organiza a asociación C.C. A Ponte Vella.

Moi agradecidos pola acollida, verémonos o día 11 no noso VIII Festival da Escoliña.

IX FESTA AMANEXA


O sábado 3 de xuño, repetimos festa en Dexo, cos amigos da A.C. O Amanexo.
Nunca faltamos ä foliada dos nosos veciños e volveremos estar na X Festa Amanexa.
Deica o ano que ven!

50ª ANIVERSARIO CEIP PEDRO

BARRIÉ DE LA MAZA


Este sábado 3 xuño, estivemos tocando na festa do 50ª Aniversario do CEIP Pedro Barrié de la Maza.


Moi agradecidos por estar nesta celebración do colexio que foi o noso fogar durante tantos anos.

LETRAS GALEGAS NO CEIP O MOSTEIRÓN

O venres 19 de maio, gozamos dunha estupenda mañá no CEIP O Mosteirón de Sada, botando unhas pezas por mor de o día das nosas letras.
Non podía faltar alí a nosa canteira, as nenas e nenos da Escoliña son marabillosas/os.
Grazas ao colexio por contar con nós!

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


O 17 de maio, saímos á rúa do noso pobo para festexar as nosas letras. Foi un verdadeiro pracer facelo pasarrúas e a posterior actuación da nosa banda na Casa da Cultura.

Grazas a toda a veciñanza que nos acompañastes!

ESPECTÁCULO: “DO CARRIZO AO VIOLÍN”


O luns 15 de maio, presentamos no CEIP de Arteixo o noso espectáculo “Do carrizo ao violín”.
Unha actuación do programa Alicerce, da Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña.
Moitas grazas á ANPA Novo Arteixo por contar con nós!


FOLIADA DE MELIDE 2023


O domingo 30 de abril, estivemos na décimo sexta Foliada de Melide coa nosa Banda de Gaitas.
As 11:30 h desfilamos polas rúas de Melide e as 13:00 h actuamos na Praza do Convento.
Como vedes, na foliada, pasámolo de marabilla!

I FESTA DA PRIMAVERA EN FAMILIA


O sábado 22 de abril amenizamos a comida da Festa da Primavera organizada pola ANPA Quintán de Mondego (Sada).

Grazas polo convite!

III FOLIADA DE DONAIRE


Segunda actuación do sábado 15 de abril, desta volta en EIrís (A Coruña), invitados pola A. C. Donaire.

As rapazas do grupo de pandeireteiras Arnela, subiron ao escenario para botar unhas pezas nesta fermosa foliada coruñesa.
Vémonos na cuarta!

VII ENCONTRO DE GRUPOS TRADICIONAIS

Este sábado 15 de abril celebramos o sétimo Encontro de Grupos Tradicionais, con Escolas da Terra e o grupo organizador, Sementeira de Cambre.

Moitas grazas por contar con nós nesta festa da música tradicional!

O SERÁN DO SOR 2023


O 6 de abril, no concello coruñés de Mañón, celébrouse outra edición do Serán do Sor.

Comezaron na sesión vermú Os Viqueiras, e pola tarde, o mestre Miguel, impartiu un obradoiro de baile tradicional.

Chegou o serán, e a música e o baile enchen o lugar de Granja Labrada.
Unha festa das boas!

ENTROIDO INFANTIL DA ASOCIACIÓN ARMENTAL


Este domingo 26 de febreiro rematamos o Entroido por este ano botándolle unhas pezas na festa organizada pola Asociación de Veciños de Carnoedo Armental
Viva o Carnaval!

COCIDO DE ENTROIDO DA A.M.D.T. QUEIROA


O sábado 25 de febreiro, na Parrillada La Finca, celebramos o noso tradicional cocido de Entroido.
Despois de comer e beber ben, comezou alí mesmo a festa. Grazas a todos e a todas por xuntarnos un ano máis.

XXXVII FESTA DA FILLOA

DE SADA

Como cada ano, o domingo 19 de febreiro, estivemos tocando na senlleira festa da filloa do noso concello.

No Entroido sadense sempre se goza máis coa boa música de Queiroa.

Bo Carnaval!